Unha viaxe que comezou hai cen anos
En 1926, Silleda viu nacer unha pequena iniciativa de transporte de viaxeiros cun camión Ford T. Un século despois, aquel soño transformado en Autocares Rías Baixas regresou ás súas orixes para conmemorar un fito ao alcance de moi poucos: o seu centenario. Traballadores e traballadoras, familiares, amizades, colaboradores e autoridades reuníronse nunha tarde na que se mesturaron a emoción, o humor e, sobre todo, o agradecemento. Porque cen anos non se constrúen sós: constrúense con persoas.
A celebración arrancou como arrancan as boas viaxes: con ilusión e con ganas de chegar lonxe. A benvida aos asistentes foi un recordatorio de todas as persoas que axudaron a escribir a esta historia, suliñando un dato excepcional: un século despois, as familias Cuiña e Mosquera continúan compartindo o mesmo camiño, unidas polo respecto mutuo, a confianza e uns valores transmitidos polos seus antepasados.
Cando o compromiso, o esforzo e os valores se comparten xeración tras xeración, non só se constrúe unha historia... fórxase un legado
Nestes cen anos cambiaron os autobuses, as estradas e ata os pasaxeiros. Pero hai algo que non cambiou nunca: a implicación, a constancia e esa maneira de entender a empresa como unha gran familia.
Mirando cara atrás para seguir avanzando
O primeiro en tomar a palabra foi Aurelio Cuiña, director de Autocares Rías Baixas, a quen lle corresponde hoxe levar o volante desta empresa centenaria. Durante a súa intervención recordou os inicios de Gumersinda e Marcelino en 1926, así como os momentos difíciles que tocou vivir coa perda, demasiado cedo, de persoas fundamentais que estiveron á fronte da empresa e que deixaron unha pegada imborrable.
Lembrou o significado deste aniversario e reafirmou o compromiso de manter viva a ilusión coa que todo comezou.
“A honradez, a proximidade coa clientela, o traballo ben feito e o coidado do equipo deben continuar sendo os piares diarios. Trátase, en definitiva, de traballar con sentido, facer un bo labor e sentir orgullo tanto da empresa que creamos como do servizo que ofrecemos á sociedade.”
"O que máis nos enche de orgullo non é chegar aos 100 anos, senón a forma en que chegamos"
A nosa historia
Un século en imaxes
Falar de cen anos é falar de moitísimas historias. Algunhas están nas fotografías, outras permanecen na memoria e moitas seguen viaxando cada día connosco.
A través do seguinte vídeo fixemos unha viaxe cara atrás no tempo: os inicios da empresa, os primeiros vehículos, as persoas que abriron camiño e a evolución ata os nosos días. Un breve percorrido pola nosa historia, pola historia de todas as persoas que fixeron posible chegar ata aquí.
Unha celebración que volveu ás súas raíces
A elección de Silleda para a celebración non foi casualidade, senón unha homenaxe ás orixes: alí naceron as persoas que iniciaron este gran camiño hai un século e alí segue latexando con forza a esencia da empresa. Paula Fernández Pena, alcaldesa de Silleda, quixo acompañarnos cunhas palabras nas que destacou o estreito vínculo entre o concello e Autocares Rías Baixas, celebrando o éxito de que unha firma centenaria siga medrando sen perder de vista as súas raíces.
A tarde tivo tamén o seu momento para a tradición oral galega da man do xenial contacontos e poeta lalinense Celso Fernández Sanmartín. Como mestre da palabra leva anos recollendo e recuperando as historias que habitan na nosa memoria popular. A súa actuación fixo rir e emocionar a partes iguais, converténdose nun dos momentos máis celebrados.
Máis de 25 anos de viaxe compartida
Chegou entón unha das paradas máis especiais: o recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan máis de 25 anos na empresa. Persoas que coñecen esta casa mellor ca ninguén, que forman parte da súa esencia e que son, sen dúbida, o mellor activo da empresa e o seu maior orgullo. Subiron ao escenario:
Helena Balboa Rascado, Gonzalo Ogando Álvarez, José Manuel Rodríguez Vilanova, José Lima Adán, José Martínez Núñez, Montserrat López Sampayo, Antonio Seijas Quinteiro, Manuel Alonso Barragáns, Isidro Mato Varela, Jesús Estalote Cacheiro, Juan José Alfonso de Jesús, Marcelino Liste Parafita, María del Carmen Iglesias Eirín, Herminio Gómez Frade e Ángel Piay Martínez.
Se falamos de persoas que forman parte da nosa historia, temos que destacar a Ángel, que leva nada menos que 40 anos con nós e que xusto celebraba o seu aniversario. A el cantámoslle “Cumpleaños Feliz” e o gran aplauso foi para todas e todos eles, como recoñecemento a tantos anos de traballo, compromiso e camiño compartido.
"40 anos xa non é antigüidade. Iso é ser patrimonio histórico da empresa."
Entregáronlles as distincións o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada Sánchez; e o alcalde de Touro, Jesús Reboredo González.
In memoriam
Os que abriron o camiño
Nunha historia de cen anos hai persoas que xa non están fisicamente, pero cuxa lembranza permanecerá para sempre na empresa e nas familias. A gala quixo dedicarlles un dos seus momentos máis emotivos cun vídeo homenaxe ás xeracións anteriores, a quen axudou a construír o camiño que hoxe seguimos percorrendo. Porque unha empresa así non se constrúe só con autobuses ou viaxes, senón coas persoas que a crearon e a fixeron avanzar ao longo do tempo.
Recoñecemento aos precursores
Con Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, no escenario, chegou un dos momentos máis especiais do aniversario: a homenaxe a tres persoas fundamentais na historia da empresa. Tres profesionais que non tiveron a oportunidade de asistir á universidade, pero cuxa experiencia e profundo coñecemento do sector do transporte os converten en auténticos referentes.
Por esta razón, obtiveron unha distinción moi particular, a de Doutor Honoris Causa de Autocares Rías Baixas, outorgada pola súa exemplar traxectoria profesional, o seu esforzo, entrega e compromiso, e a súa imprescindible contribución ao crecemento da empresa. Un recoñecemento tamén, aos seus valores humanos e á dedicación de toda unha vida, exemplo para as xeracións presentes e futuras.
"Non tiveron a oportunidade de ir á universidade, pero toda unha vida de experiencia converteunos en referentes para calquera que comece nesta profesión"
Pechou este bloque a intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que destacou o papel dun transporte de calidade para manter vivo e dinámico o medio rural e contribuír a xerar novas oportunidades. Referiuse ao transporte como un servizo público esencial, capaz de facilitar o acceso á educación, achegar servizos ás persoas maiores e contribuír a que vivir fóra das cidades non supoña renunciar ás mesmas oportunidades.
No seu discurso, tamén recoñeceu a traxectoria de Autocares Rías Baixas e a súa contribución ao transporte de viaxeiros en Galicia, así como a capacidade da empresa para chegar aos cen anos de actividade nun sector en constante transformación, mantendo ao mesmo tempo a súa identidade como empresa familiar.
A Banda de Silleda
A música puxo o broche artístico á gala da man dunha formación que tamén forma parte da historia de Autocares Rías Baixas: a Banda de Música Municipal de Silleda. Viaxamos xuntos dende os anos 50, polo que é o noso cliente máis antigo. Actualmente está presidida por Herminio Gómez, un dos nosos condutores.
Baixo a dirección de Claudia Carballo González, a banda puxo música a unha celebración moi especial, nun reencontro que simboliza tamén décadas de relación, confianza e momentos compartidos.
O presente e o futuro
O peche da gala reuniu no escenario as persoas das familias Cuiña e Mosquera que hoxe están á fronte da empresa: Aurelio, Alejandro, Reyes, Ángela, Hugo, María e Manuel Cuiña; Luli, José, Carlos, Leticia e Santi Mosquera e José Zapico.
Son eles quen levan anos traballando con dedicación e responsabilidade para manter vivo o legado recibido das xeracións anteriores, afrontando novos retos sen perder nunca os valores que fixeron chegar ata aquí esta empresa. E co compromiso de que, polo menos durante outros cen anos máis, sigamos escribindo xuntos novas páxinas desta fermosa historia.
O libro do centenario
Este século de historia quedou recollido nun libro conmemorativo escrito polo xornalista Luis Pardo, que todas as persoas convidadas recibiron como recordo da celebración, xunto cunha bolsa de agasallos preparada con moito agarimo.
E para seguir descubrindo esta historia, na nosa páxina web tamén podedes atopar unha selección de imaxes que percorren estes cen anos, desde os primeiros tempos da empresa ata os nosos días.
Recapitulación
Un día para lembrar
Cen anos de historia non caben nun so día, pero hai momentos que conseguen resumir todo o que significa chegar ata aquí. A emoción, os reencontros, os recordos, a música e, sobre todo, as persoas que forman parte do noso camiño e que estiveron presentes nesta celebración. Revivimos no seguinte vídeo algúns dos momentos máis especiais do Centenario de Autocares Rías Baixas.
Grazas por acompañarnos nestes
primeiros 100 anos
A viaxe continúa





































































